Primavera feminista e inclusiva en Biblioraíces
Neste sentido, acada un posto preponderante a colección de novelas gráficas protagonizadas por Lola Vendetta, de Raquel Riba Rossy. O personaxe de Lola Vendetta naceu en 2014 como alter ego da autora, cuxos deseños pretenden visibilizar as dificultades que sofren moitas mulleres na actualidade: a inestabilidade laboral, as esixencias familiares, os ciumes sentimentais, os micromachismos, a violencia doméstica, a vulnerablidade, a identidade sexual, a expresión das emocións, o medo... Pero, ademais, a través da súa protagonista, a artista gráfica pon de manifesto tamén a loita da muller cara a independencia, a procura da súa aceptación persoal e do amor propio, como abandeirada da liberdade e do ecofeminismo.
Ademais das obras de Raquel Riba, destacan outros volumes como Las que faltaban, de Cristina Oroño; Hijas de la Resistencia, de Judy Batalion; ou Calladita no eres más bonita, de Nuria Prieto. A primeira delas emula os textos épicos, repasando episodios procedentes da historia, a literatura, a arte, a filosofía e a ciencia para exemplificar a escuridade na que a muller foi relegada. A segunda está ambientada en Varsovia, no ano 1943, e protagonizada por un grupo de mulleres xudías que colaboraron con células da resistencia para loitar contra os nazis. Finalmente, a terceira recolle as testemuñas de dez mozas que sufriron violencia de xénero na adolescencia. As súas historias transformáronse en relatos de ficción co obxectivo de preservar a súa privacidade e transmitir a atmosfera de asfixia e pánico que se viron obrigadas a vivir.
Por último, a Biblioteca do centro atende tamén a outras realidades inclusivas que forman parte de toda comunidade educativa, como o autismo. Títulos como O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon; María y yo, de María e Miguel Gallardo; La chispa, de Kristine Barnett; ou El niño que quería construir su mundo, de Keith Stuart, abordan a realidade do trastorno do espectro autista, posto que proporcionan, desde o ámbito literario, as ferramentas necesarias para poder contribuir á mellora da súa calidade de vida e á súa inclusión plena na sociedade.
Comentarios
Publicar un comentario